Caxade: "O galego é a nai do portugués, mais por cuestións políticas foron separadas. Eu penso que estamos na hora de achegar a nai á filla."
A alumna e integrante do ENDL do IES Pintor Colmeiro Soraya Fraga fíxolle unha entrevista a Alonso Caxade, a voz do grupo Caxade. Preme no seguinte vídeo para escoitar unha das súas cancións e desprázate máis abaixo para ollar as preguntas que Soraya lle fixo.
Como xorde a idea de crear Caxade?
Levaba tempo, moito tempo, coa idea de facer un proxecto persoal, de publicar
esas músicas que tiña gardadas na casa e que non tiñan cabida nos grupos nos
que tocaba, ou nos que sigo tocando, e tamén de asumir a responsabilidade de
todo o proceso musical: crear, organizar, tocar...
Foi un proceso complicado ou pareceuvos máis sinxelo do que esperábades?
Como o fixen sen pretensión ningunha, máis que a de dar saída a ideas que tiña
na cabeza e a de experimentar un proceso descoñecido para min, non foi nada
complicado. Foi o público o que marcou o camiño demandando máis vídeos,
máis músicas.
Canto tempo levades xa como grupo actuando por toda a xeografía galega?
Un par de anos. Dende o verán de 2013.
Cales son as zonas nas que máis soedes actuar?
Galiza e Portugal. Levamos 90 concertos de presentación do noso disco “A Dança
dos Moscas”, e tocamos por case toda a xeografía galega e tamén fixemos algúns
concertos en Portugal.
Que significado ten o nome do grupo?
É o meu segundo apelido, e é como moita xente me coñecía (sobre todo a relacionada coa música).
Que tipo de música escoitas? Influíu ese feito no tipo de música que vos
caracteriza?
Veño da música tradicional dende pequeno, estudei acordeón no conservatorio e
toquei dende adolescente en diferentes formacións. Escoito moita e moi variada
música, pero para este proxecto o que máis me influíu foi a música das Bandas de
Música, ou Bandas Filarmónicas, as músicas de principios de século XX e tamén a
canción folk de autor.
Enriba dun escenario como te definirías?
Polo que nos di o público, transmitimos enerxía e sentimento. Calma e foza ao
mesmo tempo.
Cal foi a mellor experiencia que tiveches con Caxade?
En 90 concertos hai moitas anécdotas, moitos concertos para recordar, e tamén
(sinceiramente) algún para borrar. Sen dúbida, pola emoción e o traballo que
significou organizar todo, un dos máis importantes foi o que fixemos xunto á
Banda de Música da Bandeira, en decembro de 2014 no Pazo da Cultura de
Pontevedra. A xente saíu emocionada, nunca vira así ao noso público. Foi
espectacular e desde logo para lembrar.
Cal é o motivo da vosa aproximación á música da banda?
Son un músico de banda frustrado.
Cales foron as bandas privilexiadas que tocaron convosco?
Só a da Bandeira.
No caso de ser só unha pensades facer actuacións con diferentes bandas?
Non o descarto, aínda que o proxecto para min iníciase e féchase coa Banda da
Bandeira. Igual nun futuro, pero este repertorio véxoo como un ciclo que só
inclúe á citada Banda.
Por que fixestes esa escolla de instrumentos que vos caracteriza como grupo?
Son instrumentos característicos das Bandas de Música e son instrumentos que
eu tiña na casa cando comecei a gravar todo. Sempre me gustou moito a
trompeta e o bombardino, e desde había anos tocaba algo, moi pouco, pero o
básico para entender como funcionar e completar unha ansia persoal.
Aínda que non teña moito que ver coa música, cal é o motivo polo que as letras
das vosas cancións aparecen recollidas nunha normativa diferente á oficial e
optades polo modelo reintegrado?
Só hai dúas formas de escribir en galego: en galego-castelán ou en galego-portugués.
Esta última, que é a que eu escollo, é a opción máis aberta cara un mundo que fala a mesma lingua ca
nós (aínda que con acento diferente, como lle acontece a todos os idiomas, claro).
O galego é a nai do portugués, mais por cuestións políticas foron separadas.
Eu penso que estamos na hora de achegar a nai á filla.
Por que escollestes a crítica da realidade dende un punto de vista irónico como
tema das vosas cancións?
Nas cancións falo do que vexo no día a día. Aínda que a realidade é dura, penso
que o humor é a mellor ferramenta didáctica que posuímos.
Como deches plasmado en tan só dez temas unha fermosa crítica sobre tanta
variedade de temas?
E máis que hai! O que pasa é que tiven que escoller para o primeiro disco, un
disco de presentación é moi importante para un grupo, é onde de marcan as
intencións do mesmo. Teño na neveira gardadas moitas outras ideas que sairán
en breve.
Hai unha peza un pouco aparte no voso CD , xa que se arredra un tanto da crítica
social, que está tan presente nos demais temas e trata do amor. Pódesme falar
un pouco dese tema, da súa letra?
Amelia é unha canción pensada para a miña filla. Con todo, penso que o amor
tamén pode, e debe, ser rebelde. Sempre digo nos nosos concertos que estamos
aquí para cambiar o mundo, pero que debe ser pensado pouco a pouco, con
tempo, porque traballamos para as fillas das nosas fillas. “Amelia”, a canción, fala
dese tipo de rebeldía.
Poderíasme falar un pouco sobre que te levou a escribir, ou a historia que leva
detrás cada tema?
Basicamente o que antes comentábamos, ollar as cousas que pasan ao meu
redor, que me pasan a min e á miña familia, aos meus colegas e amigos, e ver
como cantarlle con humor e retranca á xente da que non gosto. Sempre
pensamento positivo.
Poderíasme dicir nunha frase como te defines?
Aprendiz de todo...
Que calidades salientarías dos teus compañeiros?
Que son colegas e amigos e inda por riba tocan de marabilla!